top of page
Foto del escritoredlgalexandreboved

As imaxes do patrimonio 4º ESO D (2021-2022)

Velaquí as fotografías recollidas polo alumnado de 4º ESO D do IES Alexandre Bóveda ás súas familias durante as vacacións de Nadal de 2021; e que serviron para participar no Concurso das Imaxes do Patrimonio de Ponte nas Ondas, que se celebrou na parte final do curso. Botádelle un ollo, porque nin as fotos nin as historias teñen desperdicio.


Noa Álvarez Vasconcellos

Esta é unha foto da miña avoa, Martina Flores Pérez, que foi sacada arredor do ano 1960 dentro da súa casa, no lugar onde ela traballaba.

Ela estivo estudando ata que aos 12 anos a sacaron da escola para poder axudar a familia e coidar dos numerosos irmáns, pero nesta foto xa cumprira os 13 anos e traballaba dende casa cando xa deixara os estudos. Levantábase polas mañás e encargábase de arranxar medias que levaban a unha costureiría, de feito, a dona da mesma foi a que lle aprendeu a coser. Traballou na mesma tenda ata que lle compraron unha máquina de coser para que puidese facelo na casa. Cobraba segundo o tempo que tardaba en facer os arranxos pero en xeral soía cobrar unhas 2 ou 3 pesetas, o que era unha miseria para estar traballando con 13 anos durante todo o día.

Este foi o seu primeiro traballo antes de aprender a bordar e así comezou toda a súa vida de traballo no mundo da costura. Ata a actualidade, a miña avoa tivo unha tenda de roupa na que continuou facendo arranxos coa mesma máquina de coser que lle mercaron e que vemos nesta foto.


 

Daniel González Blanco


Nesta foto podemos observar ao meu avó Ramón Blanco Riveiro, xogador do Callao, equipo de Vigo da zona de Canadelo Baixo, a piques de xogar unha final de fútbol contra o Berbés, outro equipo de Vigo.

 

A foto como se pode comprobar, tomouse no ano 1964, no estadio de Balaídos.

O meu avó, ese día, disputou unha final de consolación (3º e 4º posto) no estadio do Celta de Vigo, xa que o Celta sempre cedía as instalación para este tipo de eventos.

O estado do céspede non parece moi bo, nada ten que ver cos campos de hoxe en día. Outra diferenza é tamén como vestían os xogadores de fútbol naquela  época, cos pantalóns moi curtos e camisolas de manga longa.

 

Como curiosidade contar que o meu avó e o seu equipo gañaron o partido. Adestraban dous días a semana no campo da Barxa, que se atopaba preto onde está hoxe en día o Circulo de Empresarios, na rúa que lle daba nome o equipo.

Ramón Blanco, uns anos máis tarde colgou as botas o desaparecer o equipo.

“Ía para estrela, pero non puido ser”


 

Elena Guisande Basalo


O meu avó naceu o 26 de decembro de 1944 en Donas e pertence a Gondomar,Pontevedra. Buscando un mellor futuro emigrou cara Uruguai xa que en España a situación era difícil. Chegou a Montevideo o 19 de marzo de 1963. E alí traballou con entusiasmo para labrarse un futuro mellor. No ano de 1968 coñeceu a unha rapaza uruguaia universitaria, que de casualidade iría a unha festa por primeira vez coñecendo así ao meu avó cando a invitou a bailar. Despois dun tempo acabaron cansando o 3 de maio de 1969.

Como era costume o meu avó mandaba diñeiro á súa familia en España con frecuencia. E aínda máis na data da súa voda. Entón, enviou invitacións e diñeiro aos seus pais para que festexasen a voda aquí mentres eles casaban en Uruguai. 

Nestas fotos vemos por unha parte aos meus avós casando en Montevideo e, pola outra, a toda a súa familia reunida para a celebración en Galicia. Alí están os seus pais, os meus bisavós, tataravós, un tío-irmán do meu avó, tía, curmáns/as e veciños achegados. Esta foto chegou un tempo despois a Uruguai aínda que non sería a destino final. 

Ao regresar o meu avó á súa querida terra trouxo a súa familia que toda emigrara a Montevideo.


 

Lupicki Rodríguez, Elsa


Nesta foto aparecen cinco persoas na casa dos tíos da miña nai, Celsa e Manolo. Están na cociña, diante da fiestra, que ten posta unhas cortinas sinxelas e finas. Os mobles son simples e ben coidados. As persoas que se ven na foto son: os meus avós Antonio e Ana; Celsa, a irmá do meu avó e Manolo, o seu home; tamén está o Antonio de Lagariza, irmán de Manolo.

Na imaxe, están ceando os chourizos que trouxeron Celsa e Manolo desde España ás agachadas, porque nesa época non se podía pasar carne de porco pola peste porcina. Ían en tren desde Galiza ata Xenebra (Suíza,) pero cando levaban porco baixaban na última estación francesa (Lyon) e alugaban un coche para entrar en Suíza . Isto facíano así porque controlaban máis os estranxeiros na aduana do tren que cando pasaban en coche.

Meu avó emigrou a Suíza no 196 2 con 23 anos , un pouco polas circunstancias familiares Ata ese momento, vivía na casa familiar e traballaba as terras axudando a súa nai e a o seu irmán. Pero cando casou o irmán e este quedou a vivir na casa familiar, o meu avó decidiu marchar cara outro lugar para atopar traballo e intentar prosperar. Nese momento os galegos marchaban cara a Suíza , fenómeno migratorio facilitado pola supresión do visa do entre España e Suíza. O meu avó tamén o fixo así porque sabía dalgún veciño que fixera o mesmo. Ao principio, foi moi duro para el porque non coñecía a ninguén e aínda por riba estaba a barreiro da lingua Ademais de non saber francés tampouco lle gustaban as comidas, en especial o queixo. Co tempo aprendeu o francés e encantoulle o queixo.


 

Nerea Rodríguez Puime


Esta foto foi feita no ano 1969 no cemiterio da parte de atrás da igrexa da miña aldea

chamada Quins (Melón, Ourense).

 

Esta foto puido ser feita grazas a uns amigos (case familiares) da nosa familia. Que vivían

en Vigo e foron ata Quins para visitar a miña avoa. Eles coñecéronse xa que coidou ao seu

fillo e traballara na súa casa dende os 16 anos.

 

Nesta foto podemos apreciar como hai un rapaz pequeno na esquerda da imaxe que é o

meu tío Manuel Puime Rodríguez, o rapaz pequeno que esta mirando a cámara é un

curmán da miña nai (Victoria Puime Rodríguez), que é a rapaza pequena que está no colo

da señora que está sentada sendo ela a miña avoa, Amelia Rodríguez Vieitez. Tocándolle o

ombro á miña avoa atopase a miña bisavó, Clemencia Vieitez Moure que está vestida de

negro xa que recentemente morrera o seu marido (o meu bisavó) . Coa outra man está

tocando o ombro dun amigo da familia, que o querían coma se fose un máis, xa que sempre

xogaba cos máis pequenos e tanto miña avoa coma a miña bisavoa o coidaban moito, pois

tiña deficiencia mental.


 

Rocío Taboada Puime



Esta foto foi tomada en agosto de 1963 en Famek, Francia; no departamento de La Moselle. O da foto é meu avó, Elías Taboada Meije, que estaba en Francia co seu pai. O meu avó, con 18 anos sacou o carné de conducir alí en Francia.

 

Na súa casa nunha vila de Ourense, quedaban a súa nai e a súa irmá. Nesa época, o meu avó, o seu pai e a miña avoa emigraran a Vexin Val d’Oise, un lugar preto de

París, en busca de traballo. Na casa da aldea, en Ourense, tiñan unhas vacas suízas (vacas pintas), e unha delas tiña que parir en novembro. O pai de meu avó díxolle que se saía todo ben no parto da vaca, mercaban o coche e viñan de vacacións a Galicia. Todo saíu ben e mercaron o coche. Cómo conseguiron o coche? Pois ben, había uns obreiros italianos cos que traballaba meu avó, que vivían nunha vila máis lonxe. Como eran amigos, puxéronse en contacto cun taller de alí e atoparon un coche a bo prezo.

 

Neste instante da foto, o meu avó estaba co seu pai xunto a súa vivenda, lavando o coche un domingo calquera pola mañá. Por alí había un home facendo fotos, que lle pediu ao meu avó se lle podía sacar unha foto co seu Simca Ariane.

 

A nai do meu avó botou tres días chorando cando chegaron de Francia porque tiña vergoña, xa que era o primeiro coche que chegaba á vila.


 

Gabriel Vázquez Alonso


Nesta foto pódense observar a miña avoa Sesita Vecoña e a miña tía Mari Vecoña. A foto sacouse no verán de 1953 en O Carballiño (Ourense). As dúas ían vestidas da mesma forma, xa que na época era normal que as nenas pequenas vestisen da mesma forma (neste caso as dúas ían vestidas cun mandilón de raias brancas e negras formando cadros, aínda que, as camisolas non fosen da mesma cor, tamén levaban os mesmos zapatos). 

Estaban na parte de abaixo da casa, coñecida como corte, que normalmente era onde estaban os animais, aínda que neste caso non fose así. As dúas estaban agarradas da man posando para a foto xa que a cámara era nova e a foto foi unha das primeiras que a familia sacou con ela. Detrás pódese ver que hai unha campá que se utilizaba cando sacaban os animais a pacer e ao lado hai unha ola que se utilizaba para meter a comida dos animais.





1 visualización0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page