Velaquí as fotografías recollidas polo alumnado de 4º ESO A do IES Alexandre Bóveda ás súas familias durante as vacacións de Nadal de 2021; e que serviron para participar no Concurso das Imaxes do Patrimonio de Ponte nas Ondas, que se celebrou na parte final do curso. Botádelle un ollo, porque nin as fotos nin as historias teñen desperdicio.
Barciela Cayetano, Rodrigo
Esta é unha fotografía familiar feita a finais dos anos 60 en Cabeiras, barrio de Arbo. Nesta imaxe pódese ver a miña familia por parte da miña nai. Á esquerda están os meus avós, Manuel e Marina, no centro están os meus tíos e tías e tamén a miña nai, posto que en total son 8 irmáns: Camilo, Gerardo, Luis, Soledad, Carmen, Lourdes, Palmira e a miña nai Marina ; e, sentada a carón dela, está a miña bisavoa.
Esta foto foi tirada na entrada da casa da aldea, nun camiño que había diante da casa que se usaba para paso de persoas e carros de animais. Este camiño era de terra e pedras e, co paso do tempo, foise ampliando ate chegar a ser unha estrada asfaltada da que se serven todos os veciños do barrio para acceder ás súas casas.
Detrás deles había madeira que anteriormente fora cortada, que se usaba para meter na cociña de ferro. Tamén, no lado dereito e arriba, se pode ver un feixe de vides que, despois da poda das viñas, algunhas se gardaban para utilizar na cociña ou na estufa de leña e o resto queimábase.
Iria Bouza Agulla
Nesta fotografía pódese ver a dous mozos vestidos cos traxes tradicionais galegos, a rapaza é a miña avoa, María Milagros González Torrón (tamén coñecida como “A Louciñas”) e ao seu carón o seu irmán, Roberto González Torrón (tamén coñecido como “ O Mulas”).
É unha fotografía tomada no Castro no ano 1966, o día da muiñeira, no que ían bailar diante de moitas persoas, xa que os veciños lles dicían que eran uns nenos prodixio do baile tradicional galego. O día da muiñeira era un día acordado pola sección feminina da Falanxe, no que a xente se reunía vestida cos traxes tradicionais para festexar as tradicións da súa terra, cantando, bailando e tocando todo tipo de música da nosa terra.
A causa de que a miña avoa apareza enrabechada na foto é porque ela quería levar un vestido de cor amarela, pero a miña bisavoa non lle deixara xa que a ditadura só permitía que o vestido fose vermello.
Tristán Castro Martínez
Esta foto foi tomada en 1955 na pequena aldea de Lesende, en Lousame (preto de Noia). Nela aparecen a miña tataravoa Juana Lorenzo Gómez (a que leva o pano negro na cabeza), o meu tataravó Jesús Martínez Iglesias (o do bigote), a miña bisavoa Estrella Bouzas Bargo e o meu bisavó Jesús Martínez Lorenzo, xunto aos fillos destes últimos: (dende arriba á esquerda) Florinda Martínez Bouzas, Hermitas, Ramón Ernesto (no regazo de Estrella), Jesús, Manuel, Manuela, José (o meu avó, cuxo alcume era “o Che”) e Divina Saladina.
Esta fotografía foi realizada na “eira” que tiña a miña familia, cuxo alcume era “os Dalonso”, co fin de obter o carné de familia numerosa que outorgaba o Estado ás familias con máis de 4 fillos (neste caso 8). Este carné conlevaba unhas axudas por parte do Estado (100-200 pesetas…), que eran maiores proporcionalmente ao número de descendentes que unha familia tiña.
Esas axudas necesitábanas urxentemente porque a situación era pésima na década dos anos 50, de moita miseria, e caracterizada pola fame que puido con tantas persoas neste país. Co pouco que lles daban podían ir a Noia para levar a fariña que facían nos muíños da zona e que lles fixesen pan, para mercar carne (aínda que mataban dous porcos ao ano, non tiñan a suficiente para unha familia de 12 persoas) ou para adquirir cereais, tabaco e de todo un pouco; tentando satisfacer ao máximo as necesidades de cada individuo, dentro das poucas posibilidades que había.
Sergio Eireos Varela
Nesta foto pódese ver o meu avó (Eloy) e a miña avoa (Amable) na súa voda no ano 1956. Nesta época, as vodas non se festexaban como se fai agora, eran celebracións máis sinxelas xa que naqueles tempos só se convidaba á familia máis achegada dos noivos. O banquete celebrábase na casa da noiva, corría á conta dos seus pais e adoitaban matar un cordeiro para celebralo.
Pódese ver como a vestimenta do meu avó non se afasta moito da que usaría unha persoa para verse elegante na actualidade, traxe negro , camisa e gravata branca. Polo contrario, a da miña avoa pódese ver que é moi diferente á roupa dunha noiva na actualidade. Antes moitas noivas ían vestidas de negro, neste caso a miña avoa levaba unha saia e chaqueta negra cun veo tamén negro. Despois da Guerra Civil as teas en España escaseaban e só a xente adiñeirada podía permitirse o luxo de vestir de tecidos brancos e bordados.
A pesar de que foi unha voda sinxela, eles aínda recordan hoxe ese día con moita alegría e despois de tantos anos seguen sendo moi felices xuntos.
Fernández Fernández, Sara
Esta é unha fotografía que data de 1965 e situámola na igrexa de Viana do Castelo “O Santuário de Santa Luzia” ou “Basílica de Santa Luzia”. Este é un templo neobizantino do século XX, que se alza sobre o monte de Santa Luzia e que conta cunha altura de 228 metros.
Nesta foto aparecen os meus avós maternos Ramón Fernández Álvarez e Rosa Rivas Molina, tamén coñecidos como Rosita e Moncho.
Apreciamos unha moto “Montesa” do ano 1955, na que se desprazaban normalmente os meus avós. Esta tiña un gran valor sentimental debido a que con ela recorreron Europa na súa lúa de mel.
O día desta fotografía eles foron visitar dende Vigo esta cidade, xa que era a cidade onde se criara o pai do meu avó. Ademais eles (como a maioría de persoas que vivían no sur de Galicia) adoitaban cruzar a fronteira para pasar o día en Portugal.
Conta a miña avoa que ese día o pasou moi ben e o meu avó di que lle gustou ver a cidade onde creceu o seu pai.
Iglesias del Ser, Henar
Esta imaxe é do 30 de xullo de 1930 e nela aparece a miña avoa María José Noya Fernandéz, que fora a unha festa de Santiago de Compostela. Ela era de alí polo que sempre ía ás festas. O nome da festa era “Batalla de flores”, e estaban patrocinadas por todos os comercios de Santiago. Nela, persoas e carrozas desfilaban por todas as rúas do centro e sobre todo pola zona da Alameda e da Ferradura.
Naquelas festas tomaban parte un gran número de carrozas, coches e automóbiles adobiados. Ademais da Batalla de flores tamén se realizaba unha velada musical e unha gran sesión pirotécnica. Para a velada musical contratábase a grupos tradicionais galegos e no que se refire á pirotecnia, realizábanse queimas de pezas fixas e fontes luminosas. Normalmente a xornada remataba cunha batalla de flores na que se lanzaban ao aire todo tipo de flores e soltábanse numerosos globos, fitas e serpentinas.
Nesta imaxe pódese apreciar unha carroza en forma de barco, que estaba patrocinada por un establecemento de camións (Camiones G.M.C). A miña avoa é a segunda comezando pola parte de atrás do barco, ao carón da rapaza que non está vendo para a cámara. Esta foi unha das ultimas celebracións da "Batalla de flores" xa que logo veu a guerra e deixou de realizarse.
López Blanco, Jimena
Nesta fotografía do ano 1958 pódese apreciar ao meu bisavó Benjamín Pampillón nun
barco, facendo de patrón. Está con dúas persoas máis, que tamén saían a pescar, pero das
que non podo dar un nome. Naquela época, os traballos na mar eran máis habituais que
agora ,que están sendo máis invisibilizados ou, polo menos, non se fala tanto deles. Nesta
data, os barcos estaban menos capacitados cós de agora, polo que era máis complicado
pescar grandes cantidades de peixes. Era un traballo moi duro, posto que podían pasar
fora, no mar, moito tempo en busca de alimentos e as condicións de traballo eran moi
complicadas.
O barco está atracado no porto, polo que se estarían preparando para saír a pescar.
Podemos apreciar, principalmente, a ponte de mando e parte da cuberta.
O meu bisavó dedicábase a pesca de baixura, polo que non pasaba moitos días fora da
casa, senón que saía pola mañá e volvía a tarde.
Juan Manuel López Domínguez
Esta foto está tomada arredor ano 1961, nela podemos ver ao meu tio-avó por parte
materna, Ricardo Cameselle Falque, e a un amigo da familia chamado Santiago. Esta foto
foi tomada en Francia, en Cour du gase, na primeira casa na que viviu a miña familia tras
emigrar por traballo cara ese país, xa que como ben sabemos, por estes anos moitos
galegos tiveron que emigrar por traballo e o meu bisavó Ricardo Cameselle Loureiro
conseguira un traballo como albanel alí.
A miña avoa contoume que despois de que se mudaran da casa que vemos na foto, chegou unha familia italiana para vivir nela e como a casa nova non estaba tan lonxe da antiga, a miña familia e a familia italiana fixéronse amigas.
Na foto vemos á esquerda ao fillo da miña familia, meu tioavó, e a dereita ao fillo da
familia italiana, Santiago, os dous montados nunha bicicleta moi antiga pero bastante boa
para a época. De fondo podemos ver a primeira casa na que viviu a miña familia en Francia,
nese tempo habitada pola familia italiana.
Lourido Otero, Alejandro
Nesta foto aparece o meu avó Francisco Otero Guldrís (Paco), que está a suxeitar o estandarte da Confraría da Nosa Señora da Merced, durante a procesión da virxe nas celebracións da Festa da Merced.
A foto foi tomada a mediados do século XX, concretamente na segunda semana de setembro de 1967,no barrio de Conxo, Santiago de Compostela, A Coruña.
Tras el podemos ver a imaxe da virxe que é levada en procesión polos veciños do barrio,que se encargaban de transportala a ombros ata chegar á igrexa onde se celebraba unha misa no seu honor. Nesa época soamente os homes podían transportar á virxe.
Os mercedarios chegan a Conxo no ano 1482. No seu escudo, podemos ver unha cruz branca que lles deu o bispo de Barcelona e as barras vermellas sobre ouro do escudo de Aragón que lles outorgou o rei Jaime I, ambos decididos protectores da Orde.
Martínez Novoa, Silvia
Nesta foto sae a miña avoa Ángela, (a primeira moza comezando pola esquerda) acompañando a miña bisavoa(é dicir a súa nai) e a unhas amigas dela. A miña avoa lembra que foi botada no ano 1965, xa que era ano Santo, o cal sucede cando o día do Apóstolo (25 de xullo) cae en domingo. No momento da foto atópanse en Santiago de Compostela, na praza do Obradoiro.
Ao ser ano Santo, a xente ía facer o camiño, é dicir, había peregrinación, polo que tamén se facía o xubileo. A miña avoa e as amigas foron acompañando na peregrinación as señoras de acción católica, que era unha agrupación, por iso ían vestidas cos vestidos típicos galegos. Despois de chegar a Santiago foron gañar o xubileo, que consistía en ir escoitar a misa na que botaban o botafumeiro, despois comungaban, aproveitaban tamén para confesarse e, unha vez gañado o xubileo, dicíase que deus che daba as grazas.
Esta foto botouna un fotógrafo que estaba pola praza a facer fotos, e se a querías a foto, pagábala e el dábacha, xa que a xente do común non tiña os suficientes cartos para mercar as cámaras, pois eran moi caras.
Xavier Oubel Duarte
Esta foto foi tomada en Arxentina na provincia de Bos Aires na cidade chamada Quilmes no
ano 1959. Nesta foto pódese apreciar ao meu avó (o da esquerda) coa súa familia , dende a
esquerda Ramón Oubel Salgueiro, Clara Oubel Salgueiro , Albino Oubel , María Salgueiro
Marzoa e Luz Oubel Salgueiro.
A historia sobre a emigración do meu avó é que cando el tiña 8 anos foise coas súas irmáns e a súa nai cara á Arxentina durante un mes enteiro en barco e o pai do meu avó Albino foi un mes antes para encontrar traballo e vivenda , o traballo que encontrou foi nun matadoiro. Albino era músico e participou na Guerra Civil española (1936-1939) e ante o medo de que as cousas empeoraran aínda máis en España , decidiu marchar como o fixeron moitas outras persoas.
A familia do meu avó era da Estrada e a foto é da familia na casa que compraron en Arxentina.
Lucas Pereiro González
Esta imaxe é do ano 1964, o meu avó é o neno da dereita. A fotografía é en Teis, na casa dun compañeiro da súa clase. Os nenos están enriba dun carro de bois. Este transporte usábase para levar materiais do campo, trigo e outros cereais.
O carro era tirado normalmente por bois o un animal forte. Tiñan unha estrutura concreta; tiña dúas partes. A primeira era o chedeiro que é onde se encaixa o rodado. Esta parte podía separarse do chedeiro, xa que son dúas pezas individuais, de feito se actuamos sobre as rodas para frealo, produciríamos un accidente.
Normalmente a xente mollaba as pezas para que aumentase a súa durabilidade. Hai dous tipos de chedeiros, o oxival e o rectangular, este último era menos resistente e forte co primeiro que era o que se usaba nos labores máis esixentes.
Rodríguez Pastrana, Samuel
Esta fotografía foi tomada no ano 1969 na rúa do Cristo, en Vigo.
Nela aparece a miña familia por parte de pai. Algúns deles son: o curmán Demetrio, o curmán Carlos, a miña avoa Margarita, o tío Suso, o tío Antonio, máis coñecido como “tío Tucho”, o tío Carlos, a miña bisavoa Isolina, a tía Loli, a miña tía Margarita e o meu pai José.
Nesa tarde solleira de Maio celebraran a comuñón da miña tía Margarita, que tiña 8 anos. Viñan de facer a cerimonia cristiá na Igrexa dos Picos e tomaron a foto antes de entrar na casa e celebralo todos xuntos.
Neses tempos, a maioría das familias practicaban a relixión cristiá e era moi común festexar en familia a comuñón aos oito anos, no remate da primavera. Pódense apreciar algúns cambios na vestimenta formal respecto á actualidade. Por exemplo, os nenos levaban pantalóns moi curtos e medias, ademais dunha gravata.
Roqué Rodríguez, Pablo
Esta foto pertence a miña familia materna e foi tomada arredor de 1915 en Vigo. Nela aparecen a miña bisavoa e as súas irmás, a miña tataravoa e a súa nai. Tamén saen os seus maridos, un irmán e outras dúas nenas que non puidemos identificar.
Polas súas expresións, podemos deducir que para esta foto se prepararon, xa que era un acontecemento que sucedía unha vez cada moito tempo. Naquela época, pouca xente tiña cámara na súa casa e tiñan que ir sempre a un fotógrafo profesional, que asinaba o seu traballo pola parte de atrás da foto. Porén, esta foto é unha réplica e non ten o nome do autor, polo que é descoñecido.
Como se pode ver, todos eles están vendo cara un sitio diferente, e isto pode ser porque antes as cámaras tardaban un tempo en sacar a foto e só podía verse despois de revelala un tempo máis tarde.
En canto a súa vestimenta, as mulleres levan vestidos da época, longos, e todas elas levan o pelo recollido, o que fai que parezan maiores do que son. Os homes van de traxe e cuns bigotes moi característicos daquel tempo. As tres nenas que aparecen na imaxe levan no pelo un lazo branco e vestidos.
Comentários