top of page
Foto del escritoredlgalexandreboved

As imaxes do patrimonio 4º ESO C (2021-2022)

Velaquí as fotografías recollidas polo alumnado de 4º ESO C do IES Alexandre Bóveda ás súas familias durante as vacacións de Nadal de 2021; e que serviron para participar no Concurso das Imaxes do Patrimonio de Ponte nas Ondas, que se celebrou na parte final do curso. Botádelle un ollo, porque nin as fotos nin as historias teñen desperdicio.


Marcos Álvarez Lago

Nesta foto, que foi tomada arredor do ano 1954 (probablemente un domingo pola mañá,xa que o meu bisavó adoitaba levar á miña avoa e ás súas fillas a comprarlles uns doces) , podemos ver a varios membros da miña familia posando para a foto na rúa Príncipe de Vigo, preto de onde hoxe se atopa o Sereo.

A foto foi tomada por un dos empregados do establecemento Fotografías Serrano, que estaba tamén nesa rúa. Á esquerda da imaxe está o meu bisavó (o pai da miña avoa) e no centro a súa nai e á dereita a tía (a irmá da súa nai) que emigrou a Francia e volveu a Vigo para agasallar ás súas sobriñas con roupa e doce . En canto ás nenas , comezando de esquerda a dereita están presentes unha curmá da miña avoa , a súa irmá Conchita, que tiña uns 8 anos e está vestida de tal xeito porque estaba a celebrar a súa comuñón; e á dereita de todo está a miña avoa con seis anos. A miña avoa contoume que o que lembra de ese día é ledicia xa que estreaba a roupa dos domingos , que non podía empregar pola semana para non estragala, xa que daquela non había moitos cartos para comprar tanta roupa coma hoxe.


 

Julia Alves Pérez


Esta é unha foto do ano 1958 onde saen o meu avó Enrique Alves Leis e os seus amigos.

Esta foto está tomada nun descampado da zona da antiga ribeira que hoxe en día se coñece como rúa Areal. O meu avó aparece xogando ao fÚtbol tras un longo día de traballo no almacén chamado La Villa de París, situado na Porta do Sol, que se dedicaba á venta de camisería e traxes a medida.

Na foto pódese ver que están xogando en traxe, xa que o cotián nesa época era vestir así en calquera situación.


 

Lola Díaz Fernández


Esta fotografía é aproximadamente do ano 1963 e foi tomada nunha pequena aldea de Ourense chamada San Clodio, situada na comarca do Ribeiro. Nela aparecen a miña tía María Gloria Díaz Gómez e os meus tataravós, os pais da miña avoa por parte paterna, eles son Justo Gómez e Esperanza Muradás.

 

Na foto pódese observar a finalización dunha actividade moi común na comarca, chamada vendima. A vendima consiste en recoller as uvas coma alimento ou para a elaboración de viño… Normalmente a época da vendima coincide co final do verán, en Galicia, aínda que isto depende do lugar e do clima dese ano. Certas tradicións tamén teñen en conta o cuarto da lúa para decidir a data da vendima. 

 

Na imaxe aparece un momento moi representativo, o de recoller os acios en canastros de madeira. Tamén se pode apreciar a forma de conducir a cepa con estacas. A vendima forma parte do patrimonio cultural e etnográfico dunha comunidade. Ao redor da vendima teñen lugar celebracións e festas, manifestacións culturais literarias e musicais.


 

Inés Estévez Bayón


Nesta foto aparece o meu bisavó José Hermida Alonso con 20 anos, xa que el naceu no ano 1922 e a foto é do 42. Esta foto pertence a unhas das cartas que o meu bisavó lle mandaba á miña bisavoa cando el estaba facendo a mili en África, que naquela época se chamaba “Servizo de Recrutamento”. O meu bisavó foi enviado a unha colonia chamada Sidi Ifni, que se atopa no norte do Sáhara Occidental. Este destino tocoulle ao meu bisavó por sorteo e tivo moi mala sorte, xa que a peor opción de todas era ser enviado a África, sobre todo polas condicións climáticas estremas e pola por ser un territorio baldeiro e sen apenas valor estratéxico nin xeopolítico. A presenza española nestas terras data de 1934, pois foi ocupado por forzas da 2ª República, e remataría en 1969, cando o goberno franquista cede o que conservaba de Ifni a Marrocos

Por detrás da foto podemos observar un pequeno texto escrito polo meu bisavó. Nel diríxese á miña bisavoa e di: “A mi queridísima novia con todo el cariño de este tu novio que lo soy”. Á parte diso aparece unha sinatura, a data (18/7/42) e o lugar de procedencia (“África”).


 

Iria Fernández Cantó


Esta foto familiar foi tomada na miña aldea, A Vila, Ourense, arredor de 1930. A parella que está adiante son os meus tataravós Pepe Fernández e Angustia, os dous mozos da esquerda os irmáns do meu bisavó, a muller do medio é a miña tataratataravoa e o home da dereita de todo é o meu bisavó Julio Fernández. Están situados no fondo da súa finca familiar. 

 

O meu tataravó traballaba con carbón, que transportaba en camións. Esta parte do oficio (camioneiro), foi moi importante para a miña familia posto que tanto o meu bisavó coma o meu avó dedicáronse a isto. Na casa na que vivían había unha gran finca que coidaba a miña tataravoa con axuda dos seus fillos. 

 

Podemos ver reflectida a cultura galega nas roupas que levaban os meus antepasados. A miña tataravoa levaba un mandil propio da época, mentres que os homes (os irmáns do meu bisavó, el e o meu tataravó) ían traxados (o que se consideraba ben visto para a época). É posible que fosen así vestidos elegantes para a foto porque fose un día especial, xa que na época case non se facían fotos. 


 

Iria Fernández López-Corona


Esta foto foi tomada o 17 de xuño de 1966, nela aparecen os fundadores da Peña Eligio, que foi fundada por un grupo de amigos en torno a figura de Eligio, que era o propietario do bar do mesmo nome situado na rúa de Príncipe, preto da Porta do Sol.

 

Nesta foto as figuras destacadas pola miña avoa son o meu avó chamado Luís López-Corona que é o señor de sombreiro e camisa de cadros que está preto do coche, ao seu lado vestido de traxe está Eligio e por último o señor da camisa branca e lentes que esta agochado e un tío da miña avoa, coñecido na miña familia como “O tío Luís dos caramelos” xa que sempre que ía de visita levaba moitos caramelos.

 

Eligio é unha das tascas máis antigas de Vigo. E o sitio preferido por artistas, escritores e demais xente do mundo cultural dende os anos 50 e 60. Por el pasaron moitas figuras importantes na nosa cultura como Cunqueiro, Maside ou Laxeiro e incluso hai xente que afirma que incluso Valle-Inclán pasou por este bar.

 


 

Cristina Louredo Pérez


Esta foto foi tomada en Ponteareas e pertence á miña familia desde hai moito tempo (arredor de 120 anos). Nela aparece o tío do meu avó, o maior dos irmáns do seu pai. Chámase Esteban Pérez Pellón e é o home que está sementando coa axuda dun aparello formado por unha caixa na que ían as sementes e os dous bois que tiraban dela. 

 

Neste caso estaban sementando millo, que era o cultivo máis típico nos campos galegos, pois o trigo era máis caro e tardou en asentarse no noso territorio. A sementeira manual podíase facer de diferentes maneiras, normalmente facíase cunha grade que preparaba o terreo, neste caso ao facelo con este aparello xa se ía preparando o campo ao mesmo tempo que caía a semente.

 

Nesa época, a xente que só tiña un boi e non se podía permitir mercar outro acordaba un trato cun veciño que estivese na súa mesma situación, e cada vez que un deles necesitara un segundo boi, o veciño prestáballo. Esta especie de troco chamábano “amear”. Na dereita de todo da foto, detrás de Esteban aparece un neno, o meu avó identifícao como seu pai, José Ramón Pérez Pellón (o meu bisavó) pois levábanse entre eles 15 ou 20 anos. 

 

Daquela era como se traballaba, con este método de labranza, non había maquinaria ningunha, nin tractores; todo iso non existía. Habíase que apañar con ben pouco.


 

Iria Martínez Casal


Nesta foto do ano 1960 podemos ver a miña avoa Elisa Limes Martínez no estremo esquerdo coas súas veciñas nunha finca da localidade de Fornelos de Montes.

 

Elas están sachando o millo en xuño para coller as espigas no seguinte mes, en setembro. Estas espigas despois eran degoladas ou debulladas e levaban o seu gran a un muíño a moelo para facer a fariña e a continuación o pan. Para levar a cabo esta actividade, elas facían uso dun sacho e adoitaban vestir un mandil para protexer a roupa, un sombreiro para que non lles dera moito o sol, e unhas botas.

 

Tamén me contou a miña avoa que durante esta actividade soían cantar moito, antes, durante e ao rematar de sachar. 


 

Paula Ruíz Paz


Este é o meu bisavó Emilio Ruíz, alcumado “O León de Bouzas”, e que foi o heroe da segunda temporada do Celta de Vigo (1925), na que foi moi importante para gañar o campionato galego. Esta foto foi tomada no 1914, na súa época como xogador do Fortuna, nun dos estudos de fotografía que había antigamente en Vigo. 

Un dos partidos máis lembrados do meu bisavó foi o 18 de xaneiro de 1925, no que o Celta xogaba o campionato galego ante o Deportivo. No minuto 38, o árbitro sancionou un penalti do xogador local Pasarín ante o coruñés Paco González. Pero, no lanzamento, o meu bisavó, coñecido como “O León de Bouzas”, estirouse coma un gato para coller o balón e evitar o empate visitante. Esa foi a xogada clave do encontro, decisiva para que os celestes lograran o título galego, o único que existía nese momento. 

Uns meses despois, Vigo rendeu homenaxe ao heroe responsable daquel campionato: Emilio Ruíz, que daquela tiña 30 anos e xa se retirara do fútbol. É máis, xogara esa temporada co Celta porque o equipo quedara sen porteiros. O meu bisavó Emilio chegara ao Celta tras a fusión do Real Vigo e o Fortuna, pois el pertencía ao primeiro equipo do Fortuna. O “León de Bouzas” chegou a ser considerado un dos mellores porteiros nacionais, segundo as crónicas da época. 


 

Lara Troncoso Boullosa


Nesta foto está o grupo de amigos da miña avoa. Están nas festas de San Blas de Piñeiro

en Salvaterra de Miño no ano 1961. Esta festa é unha romaría que se celebra no inverno, o

3 de febreiro, polo que vai moito frío e por iso na foto pódese ver que están moi abrigadiños.

Tamén é unha homenaxe a este santo, coñecido como o “avogado contra os males de

gorxa”. Cóntase que un dos milagres que fixo foi a curación dun neno que tiña unha espiña

cravada nesa zona. É por iso que hai diferentes ritos arraigados a súa imaxe, como levar

protexido o pescozo durante o día ou pasar unha estampa do santo pola cabeza e a gorxa.

Comezando pola esquerda está a irmá da miña avoa (a miña tía avoa) ,Elvira , despois

Casilda, a seguinte María, despois a miña avoa ,Carmen Rodríguez Domínguez, e ao seu

lado encóntrase o seu amigo Ángel. Estes amigos quedaron na casa de María, que era a

máis próxima ao monte onde se celebraba a festa, para poder ir todos xuntos ata alí. Cando

chegaron asistiron á misa dás 12 e despois saíron en procesión co santo. Máis tarde

descansaron no monte sentados nun mantel e comeron o que trouxeran da casa. Ao

rematar foron bailar coa música que había na festa. E finalmente foron todos xuntos para a

casa.


 

Jorge Silva Troncoso




Esta foto foi tomada no ano 1966 no día do bautizo da miña tía. Nela podemos ver ao meu avó materno coa miña tía no colo e ao seu carón encóntranse os meus tíos xemelgos. No fondo da foto podemos ver o hórreo da nosa familia (encóntrase en Coruxo), que foi construído entre os anos 1860 e 1870 por encargo dos meus tataravós. Este hórreo foi herdándose de xeración en xeración ata os nosos días.

 

O hórreo é unha construción destinada a conservar e almacenar alimentos lonxe da humidade e dos roedores (os meus avós úsano concretamente para gardar o millo). O uso desta estrutura está moi xeneralizado no norte da península ibérica, sobre todo en Galicia e Asturias; debido á presenza dun inverno máis frío e húmido nestas zonas.

 

O termo hórreo ven do latín (horreum), que se empregaba para denominar calquera lugar onde se gardaba a colleita.


 

Cloe Vecina Coello


Esta foto está tomada en setembro de 1961. Nesta foto, a miña avoa mais algunhas das súas amigas foran ao Hospital do Rebullón, que por aquel entón atendía a tuberculosos e enfermos de pulmón. Este hospital pertence á parroquia da Tameiga, no concello de Mos. Actualmente, este centro mantense activo como servizo de almacén; e nos últimos tempos estivo  enfocado en persoas con enfermidades mentais.

 

Na foto, a miña avoa, que é a que leva o vestido de cadros, está a xogar á pita cega coas súas amigas. Este é un xogo tradicional galego, que todo o mundo coñece. Están a xogar na zona verde do hospital do que falei anteriormente, ao que foron para visitar os enfermos, facerlles compañía, pasar un bo anaco con eles…

 

A miña avoa ( e outras moitas seguro que tamén) neses tempos quería ser misioneira, é dicir, viaxar polo mundo para axudar as persoas máis necesitadas, por iso ás veces facía estas pequenas “excursións” coas súas amigas, para aportar o seu gran de area ao mundo.

 

0 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comentários


bottom of page