top of page
Foto del escritoredlgalexandreboved

As imaxes do patrimonio 2º ESO B (2021-2022)

Velaquí as fotografías recollidas polo alumnado de 2ºESO B do IES Alexandre Bóveda ás súas familias durante as vacacións de Nadal de 2021; e que serviron para participar no Concurso das Imaxes do Patrimonio de Ponte nas Ondas, que se celebrou na parte final do curso. Botádelle un ollo, porque nin as fotos nin as historias teñen desperdicio.


Alarcón Viso, André

Esta foto foi feita o 29 de Setembro do ano 1963, nun barco de recreo (un barco non para viaxar senón só para gozar do mar) no Náutico de Vigo. Esta foto é un recordo desa experiencia, polo que sae toda a familia Carrera Pérez, e outra persoa descoñecida. Na primeira ringleira de catro persoas, está á esquerda de todo o meu tío avó Manolo, co que vou comer na súa casa e toda a familia anualmente. As dúas do medio son as miñas tías avoas Ana e Cristina. Á dereita está a miña avoa Rosina. Na segunda ringleira está á esquerda a irmá da miña avoa, Bea. No medio, Miguel e Xesús e ao lado deles a súa nai, a miña bisavoa, tamén chamada Rosina. Detrás da bisavoa, o meu bisavó Manuel, ex-xogador do Celta de Vigo ata que se lesionou o menisco. E por último pero non menos importante, un señor espontáneo no fondo que non coñecemos de nada e sae posando sen ser esperado.


 

Álvarez Núñez, Martín


Esta é unha fotografía da avoa da miña nai, e algúns dos seus irmáns, na Rosaleda dos Xardíns de Méndez Núñez, na Coruña, no verán de 1928.

Nos xardíns había fotógrafos profesionais, coñecidos como “minuteiros” que se ofrecían a retratar os paseantes, días despois, logo de revelalas, achegábanllelas ás casas, pois daquela as familias non tiñan cámaras de fotos. A muller que aparece á dereita é Josefa, que coidaba os pequenos da familia e a Paco. Os nenos aos que está acompañando son Carlos (no bordo do carriño á esquerda), Lucas (ao seu carón), Carmen (a miña bisavoa, que aparece sorrinte diante), Paco (recostado) e por último Teresa e Moncho (na dereita).

Como nesa época era habitual vestir os irmáns iguais, a costureira, Manola,  adoitaba ir un día á semana para arranxar a roupa da casa  e facer vestidos doados aos cativos. A modista encargábase das tarefas mais complexas: abrigos e traxes para os adultos. O tío Paco sufría unha tuberculose ósea e morrería pouco despois con só once anos. O carriño onde viaxaba era feito a medida, xa que a súa enfermidade lle impedía camiñar.

Hai un século as familias adoitaban ser moi numerosas, a miña bisavoa tivo doce irmáns, dos que dez chegaron á idade adulta. O edificio que se ve ao fondo é o Banco Pastor, construído no ano 1925  e que foi durante anos, con 38 metros de altura, o edificio mais alto de España.


 

Álvarez Vasconcellos, Laura


Esta é unha foto dos meus avós Celestino Álvarez González e Martina Flores Pérez arredor do ano 1965 no monte Santa Trega celebrando as festas do monte na Guarda. Todos os anos no verán celébranse estas festas nas que moita xente da vila se reúne nas rúas para ver como as distintas bandas tocan cancións.

Nesta festa hai varios grupos e mentres que van facendo un percorrido pola rúa ata chegar ao porto tocan o bombo, gaita, pandeireta…. Nestas festas tamén desfila un grupo nos que van vestidos coas típicas roupas galegas. Logo durante a semana hai verbena ata o domingo do monte no que se celebraba unha romaría coincidindo co segundo domingo de agosto.

O luns seguinte pola noite hai un precioso espectáculo de fogos artificiais. A xente do pobo goza moito estas festas e sempre estamos agardando o verán para pasalo aínda mellor coas nosas familias e amizades e tocar o bombo con máis forza.


 

Castiñeiras Álvarez, Sabela


Esta foto é do ano 1968. Foi feita en Pereda no concello de Cartelle. Nela aparecen o meu pai no medio(é o mais pequeno), detrás del está un veciño que se chama Santiago, no lado dereito está o seu curmán Herminio e do outro está Luís, un veciño do meu pai, que vivían porta con porta. Esta foto non é dun momento específico ou especial xa que non pasara nada importante ese día; só que o meu pai quedara ese verán de vacacións en España despois de vir de Venezuela, que era onde el vivira ata os 20 anos.

No 1958 a miña avoa marchou a Venezuela en barco coa súa irmá. Foron alí porque xa tiña familia, estaba a súa irmá Marina, que levaba xa 3 anos e traballaba como costureira. Ela foi quen reclamou ás súas irmás. Despois de chegar encontrou traballo rápido como empregada do fogar nunha casa de familia, esta casa era duns exiliados catalás da Guerra Civil. Estaba interna de luns a domingo e so podía saír 4 horas o domingo e reuníase co resto da familia na Hermandade Galega.

Despois deste traballo tivo varios, pero sempre dese estilo. Só veu a Galicia 2 veces, unha cando morreu a súa nai e outra visitar ao seu fillo que estaba cos avós e cuns tíos. No 1990 volveu definitivamente a España


 

Docampo Escobar, Martín


Presento unha foto feita en Ribadavia no estudio de fotografía O Chao, en Decembro do 1958. Nela aparecen a miña avoa de nena (Carmen Ferreira Valiñas) co seu irmán (Alejandro Ferreira Valiñas) e os seus pais (Tirso Ferreira Touza e Remedios Valiñas Costa). A miña avoa tiña 7 anos e o seu irmán maior, 11 anos.

Na miña familia non temos fotos nas que aparezan algunha situación relacionada co noso patrimonio cultural, xa que naquel entón, só podían ter unha cámara propia ou contratar algún fotógrafo as familias con moito nivel económico. A miña era unha familia humilde e só facían fotos máis ou menos cada catro anos para mandalas a Arxentina e que a avoa da miña avoa (Pura Costa), puidese ver como medraban os seus netos.

As fotos coma esta que enviaban sempre ían cunha carta na que lle contaban as cousas que lle pasaban. Iso si, cartas mandaban unhas tres veces ao ano, pero fotos ían moitas menos por falta de cartos. En todas estas fotos ían cunha roupa limpa e formal, (roupa “de domingo”), xa que aos domingos a xente non traballaba e se poñía roupa especial para ir á misa. Máis ese día levaron a roupa máis fermosa que tiñan, xa que tamén fixeron fotos tamaño carné, porque pensaban ir á Arxentina coa avoa e o irmán de Remedios. Ao final non foron á Arxentina e a avoa volveu a Galiza porque quería morrer aquí.


 

Gallero Diéguez, Gael


Esta foto é do ano 1967 e foi tomada en Mutlangen, Alemaña. As persoas que aparecen na foto son os meus avós cando eran novos (- de 30 anos). A miña avoa (Dolores Fernández Regueiro) e o meu avó (José Diéguez Salgado).

Os meus avós, emigraron dende Rabal (Oímbra) ata Mutlangen (Stuttgart) coa procura de encontrar traballo e un lugar mellor onde vivir. Eles, no Entroido, sempre ían disfrazados cos meus tío-avos a Verín para ver os Cigarróns, xa que era unha festa que lles gustaba moito. Así que cada ano que pasaron en Alemaña, disfrazábanse e facían unha festa cos seus amigos e familiares no mes de febreiro. Dous anos despois, en Alemaña, nacería a miña nai (Maria José Diéguez Fernández) e os meus avós no ano 1973, volverían a España xa que querían que a educación da miña nai fose aquí. Esta vez non volveron a Rabal, a aldea onde naceran e viviran a súa infancia, se non que se instalaron en Vigo.

Cada ano, no verán e na época do Entroido, imos a Rabal para estar coa familia e cos nosos amigos. Rabal é unha pequena aldea que fai fronteira con Vilarelho da Raia (Portugal) e, a pesar do seu tamaño, ten moita historia detrás, xa que foi un lugar onde tamén se practicou o contrabando.


 

Nogueira Docampo, Nacho


Esta é unha fotografía tomada en Barreiro no 1955 nun bar onde aparece o meu avó Félix Docampo Virulegio e o seu amigo Xosé Luís, que era un amigo que vivía en Barreiro e coñecíanse polo traballo.

Están a celebrar o Entroido que é unha festa moi popular en Galicia por iso é festivo durante eses días. Esta festa é moi popular en Ourense, e cada lugar de Galicia ten os seus disfraces particulares coma os peliqueiros de Laza ou as pantallas de Xinzo de Limia. Porén aquí non hai un disfraz específico por iso o meu avó está disfrazado e tomando algo co seu amigo Xosé Luís. Neste caso o meu avó vai disfrazado de vaqueiro xa que lle encantaba disfrazarse e sempre ías ás festas cos seus amigos a Chapela e Redondela.

O día desta fotografía o meu avó foi cuns amigos bailar e divertirse, logo foron a un bar tomar algo mentres charlaban e xogaban ás cartas e despois foi cando un dos amigos lles sacou unha foto ao meu avó e ao seu amigo Xosé Luís.


 

Pérez Chorén, Óscar


CONTRAMESTRE CASADO

 

Na imaxe aparecen catro oficiais da Armada Española, pertencentes á tripulación do buque de guerra Contramestre Casado, buque construído en Newcastle no ano 1920 co propósito de realizar servizos de transporte de carbón que servía de combustible para as embarcacións nas guerras.

Este buque atopábase en Ferrol en xullo de 1936, atracado no peirao da cortina do Arsenal, ao mando, o capitán de corveta D. Manuel Pastor e Fernández Checa.

Os feitos comezan o 20 de xullo, cando, tras o golpe de estado contra o goberno da Segunda República Española, a tripulación do barco amotínase contra os seus mandos naturais. Entre eles, como líder da revolta, o irmán da miña bisavoa, Julio Catalá Jaso (o terceiro da imaxe contando de esquerda a dereita).

Nin o meu tío bisavó nin ningún dos seus compañeiros de motín foron capaces de levar adiante o seu plan, rendéndose e quedando custodiados polo bando nacional.

O 1 de setembro dese ano foron xulgados, condenados e fusilados na mesma Punta de Martelo do Arsenal de Ferrol.


 

Suárez Fidalgo, Saúl


Esta foto foi tomada arredor do ano 1960 en Caracas, Venezuela e o que aparece é Gerardo Fidalgo Losada (o meu avó).

 

Durante os anos 50, Galicia era unha zona rural moi empobrecida. A solución para moitas persoas era emigrar. Os meus avós foron desas persoas. Eles foron dos primeiros en saír “ás Américas”, como se dicía antes, durante o ano 1956. O primeiro en cruzar o océano é o que aparece na foto, o meu avó que, coma o resto, embarcou en Vigo. Vigo daquela era o lugar no que embarcaban todos os emigrantes galegos para ir a América, disto ven o nome da “Praza de América”, unha homenaxe a todos os galegos que emigraron no século XX. Co meu avó asentado en Venezuela, catro meses despois embarca a miña avoa co mesmo destino.

 

Estiveron alí durante 10 longos anos. O meu avó traballaba enmarcando fotografías e a miña avoa cosendo e traballando en casas doutras familias. Ese coche adquirírono porque era necesario para levar os cadros e para visitar a xente. Inicialmente viviron en Caracas (lugar da fotografía) e despois en Cumaná. Dez anos despois deciden volver porque ao meu avó entroulle a morriña. Volveron e mercaron un piso en Ourense e alugaron un bar onde traballaron moitos anos e a miña nai foi criada. Finalmente, máis de corenta anos despois destes acontecementos, o meu avó faleceu.


 

Esteban Vaqueiro Barreiro

Esta foto foi tomada na década dos 50 no porto de Vigo, máis concretamente na cabina dun barco chamado O Cardenal Mendoza. Nesta foto aparecen Esteban Barreiro Misioné (o meu avó), que é o home agarrado á corda na esquerda e, ao seu carón, está Esteban Barreiro Olascuagua (o meu bisavó). O nome do resto da tripulación e descoñecido pola morte de Esteban Barreiro Misioné en 2006. Nesta época ambos facían pesca de baixura pola costa de Portugal, por onde pescaban pescada, merlán e dourada. Á parte diso, o meu bisavó era o capitán do barco. O meu bisavó comezou a traballar cando era rapaz xunto co seu pai (o meu tataravó), que era pescador en Cangas. Remaban en chalana por toda a ría de Vigo, pescando polas Cíes, as  Ons e ata a Guarda. Algúns días sacaban (con sorte) 25 pesetas, que viñan moi ben pola cantidade de bocas que tiñan que alimentar. O meu bisavó fíxose patrón de pesca por necesidade e pola fame que se pasaba naqueles días. O primeiro soldo que gañou foi de 200 pesetas en 1938, e nese mesmo ano xa ía como patrón nun barco chamado María, e vivían en casa do finado Benigno Marqués "Texelán", ao que pagaba 200 pesetas polo alugueiro. Despois rematou no pesqueiro "Marabillas" cun compañeiro chamado Agapito, onde traballou de patrón de costa.

5 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page